Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Frades convoca as axudas para transporte e para material escolar


Dirixidas ás familias cos ingresos per cápita máis baixos, o prazo de presentación de solicitudes remata o 12 de marzo

O Concello de Frades convoca as axudas para transporte escolar e para a compra de material escolar para o curso académico 2018-2019, que están dirixidas ás familias máis necesitadas do municipio, que terán ata o vindeiro 12 de marzo para presentar as súas correspondentes solicitudes. O Concello de Frades destinará 5.000 euros a estas axudas.

A subvención para transporte escolar está dirixida a alumnos e alumnas de Bacharelato ou de Formación Profesional (Grado Medio) e terá unha contía de 150 euros; mentres que as axudas para a compra de material escolar están dirixidas a alumnos e alumnas de Primaria e Secundaria e ascenderán a 70 euros por alumno/a e curso. En ambos casos, para poder optar a estas axudas é preciso que a persoa estea empadroada no Concello de Frades, que estea cursando os estudos para os que solicita a axuda, que a súa familia estea ao día no pago das obrigas tributarias co Concello e non teña pendente de xustificación ningunha subvención anterior.

Documentación

Para presentar as solicitudes, as familias deberán dirixirse aos Servizos Sociais Municipais e achegar a seguinte documentación: copia do DNI de todas as persoas integrantes da unidade familiar, copia do libro de familia, resgardo da matrícula do centro no que está a realizar o curso escolar deste ano e xustificante dos ingresos da unidade familiar en 2017 (declaración da renda, nóminas, pensións, certificado de ser demandante de emprego, etc). Así mesmo, poderanse presentar certificados acreditativos da situación de familia monoparental ou do grao de minusvalía dalgún membro da unidade familiar, se fose o caso.

O prazo de presentación de solicitudes remata o martes 12 de marzo e as subvencións unicamente serán concedidas as familias cos ingresos per cápita máis baixos. Para máis información, os solicitantes poden dirixirse aos Servizos Sociais Municipais ou chamar ao teléfono 981 695 567.